08/11/15

Conferencia sobre Adília Lopes

O grupo GAELT convida a asistir á conferencia

"Adília Lopes e os novos caminhos da poesia portuguesa" 
 

impartida pola profesora Ana Bela Almeida da Universidade de Liverpool e membro de GAELT.


Xoves, 12 de novembro, ás 13:00 horas no Salón de Actos da FFT.

Máis información en : http://estudoslusofonos.blogspot.com.es/2015/11/adilia-lopes-e-poesia-portuguesa.html.


Este acto, organizado polo grupo GAELT e a Cátedra José Saramago, será financiado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina.


03/03/15

Presentación do volume 5 de iBroLiT: Letras nómades

PRESENTACIÓN DO VOL. 5 de iBroLiT  


editado por Ana Acuña.

Data/hora: mércores, 4 de marzo de 2015 ás 19.00 horas

Lugar: Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, Concellería de Igualdade, Biblioteca Pública Central, R/ Joaquín Yañez, 6-2º andar 36202 Vigo

Interveñen: Ana Acuña, Mª Jesús Nogueira, Olivia Rodríguez

13/02/15

Cibercultura, linguaxes e medialidade nos ámbitos galego e lusófono

A coordinación da sección



do 11º Congresso Alemão de Lusitanistas (Aachen, 16-19/09/2015) solicita o envío de propostas de relatorios (20 minutos).  

http://www.lusitanistentag2015.rwth-aachen.de/pt/congresso/seccoes/seccao-12/
As propostas (cun máx. de 500 palabras, 5 palabras-chave e relacionadas cunha das liñas temáticas, cf. infra) deben ser enviadas até 30 de Abril de 2015 aos coordinadores da sección:


Todas as propostas pasarán por un sistema de blind peer review e os resultados desta avaliación serán comunicados até ao dia 30 de maio de 2015.

Os relatorios deben ser presentados en lingua galega, portuguesa ou alemá.
Está prevista unha posterior publicación dun conxunto seleccionado de relatorios nunha edición científica con peer review.

Presentación da sección:

En boa parte das sociedades actuais, os fenómenos de globalización non son unha novidade, senón que poden ser vistos como un proceso constante con distintas formas, características e ritmos evolutivos. Hoxe en día, prodúcese unha intensificación das interaccións que converten os vencellos transfronteirizos en algo cotián. Isto implica, por unha banda, a expansión de prácticas e de lóxicas socioculturais, políticas e económicas que teñen unha imbricación, asemade, global e local e, pola outra, actúan como catalizador que fomenta a emerxencia de fenómenos de diversa índole (políticos, culturais, sociais, etc.) que afectan dun xeito conflitivo á configuración interna dos sistemas socioculturais.

Ao mesmo tempo, estanse a dar importantes transformacións grazas á consolidación dos medios dixitais. En consecuencia, este proceso implica mudanzas en diferentes niveis sociais, dende os formatos de creación coñecidos ata o de agora, pasando polas lóxicas organizativas das persoas e das comunidades (movementos asociativos e políticos, comunidades de software libre, entre outras). Ademais, non hai que esquecer a converxencia mediática e cultural marcada polas relacións transculturais e a integración de diferentes medios a partir dos cales xorden novas linguaxes de produción cultural e comunitaria. Polo tanto, esta sección tamén ten como obxectivo explorar como os sistemas culturais minorizados (neste caso o galego) se apropian, adaptan ou dan forma a estes procesos globalizados e/ou globalizadores no contexto dixital. Tentaremos facer fincapé nas relacións ou conflitos transculturais e intraculturais que estas mudanzas socioculturais xeran no sistema.

No noso parecer, unha cultura cada vez máis globalizada provoca unha necesidade de reavaliarmos toda unha serie de constelacións conceptuais (lingua, identidade, normalización, creación artística, modelos de planificación social, entre outros moitos) que ata o de agora deixaron de lado a conflitividade e a inestabilidade propia de todos os sistemas culturais; amais, estes factores fixéronse máis patentes na actualidade co ritmo imposto pola globalización. O noso interese de revisión tamén se deriva do feito de que o sistema cultural galego se atopa entre dous grandes dominios culturais con transcendencia global: os mundos de expresión portuguesa e da hispanidade, cuxas influencias e interferencias na cultura galega son de diferente natureza e intensidade.

En última instancia, esta sección quere contribuír á análise de fenómenos culturais e dos seus procesos de mudanza sociocultural, adoptando ferramentas de análise dende perspectivas transdisciplinares e comparatistas. Tampouco non queremos esquecer de facilitar o debate epistemolóxico que problematice os modos de análise establecidos.

Dunha forma xeral, esta sección está aberta a recibir propostas provenientes das seguintes áreas de coñecemento e metodoloxías: literatura comparada, estudos migratorios, antropoloxía, socioloxía, educación, arquitectura, belas artes, estudos de tradución, estudos teatrais, etnografía, gastronomía, ciencias naturais e ecoloxismo, estudos de xénero, ciencias da comunicación, tecnoloxías da información, deportes, turismo, musicoloxía, ciencias da saúde, estudos queer, estudos poscoloniais, historia, xeografía, (socio)lingüística, dereito, economía, política, filosofía, audiovisual, artes plásticas, historia da arte, estudos culturais e literatura.


Liñas temáticas da sección:

1.   Mudanza social e reconfiguración dos fenómenos socioculturais en Galiza.

2.  A mediación de internet no ecosistema informativo e cultural galego en relacións cos sistemas culturais lusófonos e hispánicos.

3.   Unha abordaxe transdisciplinar dos procesos de translación cultural dende e para o contexto galego, cuestionando os mecanismos da oposición centro/periferia.

4.   Variación e cambio lingüístico no contacto de linguas en Galiza, con especial atención ás implicacións culturais e lingüístico-interaccionais do desprazamento migratorio (tanto transculturais como intraculturais) e as relacións entre escritura e oralidade.

5.   Transformación e conflito das diferentes prácticas tradutivas dende e para o sistema cultural galego en relación cos sistemas culturais lusófonos e hispánicos, tanto a nivel transcultural como intracultural.

6.  Novas formas de organización social, ciberactivismo sociocultural e medios de comunicación de base en Galiza.

7.   O paradigma das humanidades dixitais na construción e visibilidade do sistema cultural galego e da súa relación con outros espazos culturais, como os lusófonos e hispánicos.

 Conferenciantes convidado/a:

Prof. Dr. Manuel Gago (Universidade de Santiago de Compostela)

Profa. Dra. Eugenia R. Romero (Ohio State University)

 Coordinación da sección:

Gabriel Pérez Durán (Universität Heidelberg): gabriel.perez.duran@iued.uni-heidelberg.de

Jairo Dorado Cadilla (Freie Universität Berlin): jairo.dorado@gmail.com

Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo): burg@uvigo.gal

Matrícula:

A matrícula debe ser realizada até o 30 de xuño de 2015 (60€ para membros do DLV e 80€ a partir do 1 de xullo de 2015): http://www.lusitanistentag2015.rwth-aachen.de/pt/inscricao/.

Máis información sobre o congreso: