01/12/12

POEMATIZA VI


O vindeiro mércores día 5 de decembro de 2012 de cinco a sete da tarde terá lugar, dentro do ciclo POEMATIZA, a intervención da poeta, profesora e crítica Rosa Enríquez que falará e dialogará co público asistente sobre ÚLTIMA HORA DA POESÍA GALEGA.

Aula A4A da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.



Os textos sobre os que se orientará o debate son os seguintes:



ESCOTOFILIA OU O CANTO DE ALEISTER
“Andáramos buscándonos polas rúas das mesmas noites. Foi a necesidade a que nos levou a percorrer todo un entramado de ruelas de pedra. Despois da vertixe, do abraio desacougante pola visión el da súa arelalada Gorgona, eu da figura obscura da inquedanza medrosa, turbadora, comprendimos como e canto nos tiñamos buscado sen sabelo…”
Vivimos no ciclo das erofanías (Yolanda Castaño)

“(…) Pero esto es lo que ganamos con la experiencia, que no podemos imaginar algo excelente sin pensar al mismo tiempo en su contrario”
“¡Ah! Nuestro pueblo futuro no debe ser reconocido nunca sólo por su bandera; todo debe rejuvenecerse, todo debe cambiar desde abajo; ¡la alegría debe estar llena de seriedad y todo trabajo ha de ser más alegre! ¡Que nada, incluso lo más pequeño, lo más cotidiano, carezca de espíritu y de dioses!”
Hiperión o el eremita en Grecia (Friedrich Hölderlin)

chaguán: sitio de calma. suspendido no éter-esixe de nós a clemencia/dos idiotas. POR UN MILLÓN DE IMBÉCILES EN SILENCIO/pódese consumir a orografía do lamazal en liberdade./alí non hai prostitución-só empresas de pracer./o ludibrio ante tal abuso non garante acción política: unicamente unha/triste óptica-máis ou menos atinada-de parasitaria intelectualidade/cobizosa: sen capacidade para o deslizamento./deslícense vostedes: caian na tundra glaciar: coman a eses cerdos con las/manos. sen ningún tipo de educación./metan o dente ao frío secular que nos arrastra cara un inferno de barbarie./fagan-por favor-o tránsito á inversa: volvan á paleopolítica do intercambio.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)






PAULINE DANS LA ROUE
C’était une fois une femme roulante que rodaba: xiraba na infamia hidráulica. Y le salía muy bien. Podía estar nesa roda histérica circular e non caer nunca. /Ela pensaba que se movía-pero allí sólo se mueven las cosas./No burato negro-Antoine-os inmóviles corren estáticos:/ desprovistos do máis importante e arrasan con todo: matan cos dentes.
Desobediencia (Rosa Enríquez)

XX
Proletario non o esquenzas/Maquieiro hogano é plenitude tersa/with plena usura limpo coma o desing/é o resplendor no ecrán da computadora/cando apagamos  e saímos/non o esquenzas un pelícano dorme na pantalla
Contra Maquieiro (X.L. Méndez Ferrín)





et voilà la question: sans esclave-pas de/ maître... mais ils sont là. levan nas aletas a paz/do mundo: fiera terrible y en arrullo./ no centro-un deus delirante: o cerdo de bataille-le/bouffon: la pute en guenilles. porco na sombra/e flor con balas nos dedos. angustia e desolación./os fillos do deus ensanguentado fan clinclán. con/determinación. son un trallazo no hipotálamo.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)



Pauline vous regarde à l’écran/dans un pénible état de sagesse/pornográfica obscenidade manifesta/Deformidade nas frases ben adubiadas/co esplendente rubor-sempre brillante en vós./Indiferentes á podremia: egoístas cómplices.
Desobediencia  (Rosa Enríquez)

Galicia, longa praia, estesa e negra,/soia e esquiva, con pesados corvos,/senlleiras píllaras, vento coriscante/e a morte e o baleiro en todo o longo
Voce na néboa (X.L. Méndez Ferrín)

un porto sen barcos. industria e metal./cousas importantes. dioses alimentándose de/muertos. grandes mortos. mortos peninsulares./voces crebadas á beira do aparato.
só ficou un amor pequeno e/ miserábel nas potas fedorentas daquel loft/ labrego tan exótico: casas ao pé do gando./tira la pasta y corre: run Baby run-berraches/ medio azul. mentres-DOUS MIL DÓLARES/ POR CABEZA en facturas caían/ incensantemente. une terrible chute d’eau en/ metal. clin e clan. clinclán./levaron por diante a casa as fábricas os montes/ as fervenzas. COMÉRONNOS.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)


Acugúlome irta porque son miña Dona/E espapállome toda amolecida trécola/Ou pompón de satén poño grima nos dentes /(…) e ollo prá túa vara verde de Primavera
Erótica (X.L. Méndez Ferrín)


amo os teus dentes de ferro nas coxas. fágome bloody mary/baby toda estremecida. e derreto./ámote a ti. ao teu dragón. tamén ás pezas de furia edificada e nácar./ vivo incandescente como esas putas que rebentan dacabalo de ríos/contaminados./así estaba escrito no libro de Baby: es sabido desde tiempos/inmemoriales que las putas corren y se desangran-que afunden na/maré de babas e mecanizan o sexo: fan del unha transacción/comercial. devoran y son devoradas. por iso Esteno berrou moi baixo/
enriba das casas da xente: andai e correi: heivos comer a todos./ce n’était pas une ménace-mais la confirmation de l’animalisation/subie après la torture. con cada contacto se pierde el sentido del/ tacto. se asume una libertad que no existe-pensou Baby. eu tamén/amei como as putas: santifiquei o frío./todas as que nacen en arizona son-nalgún momento-sensuales/caperucitas en manhatan: matancomenfodensenxeitoeengordan.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)

RECOÑÉZOME na dor./Non foi fácil ir ás festas./Á volta pasabamos días/e noites enteiras atadas/ás patas da cama./Non eramos lobas/pero tiñamos fame.
Acusación (Xiana Arias)

e tu serás puta-dixo o deus dos homes./dalgún xeito condenárona a amar o voluminoso/Home Das Neves. convertírona en zorra/doméstica. y se permitió criticar a las otras-llena/como estaba de odio y muerte... foi cando a/chuvia. metéronselle dentro os vermes: eses/prezados cilindros rosados que-agrupándose forman/o canón do sil-en colorado./e así foi como as esposas fixeron o amor gratis./coa axuda dun deus masculino.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)


Amei-te tanto esta tarde,/cando non estavas,/e estaba o ceu como un atlas de ausencia/esbarando nas horas! (…) Non sei por que estes días en que te amo tanto tanto/ e tan fundo e tan duro e tan tristeiro/ días en que quixera aniquilar-te/ de tanto amor como me tinxe o corpo/e me lastima os dentes./ Non sei que estrañas aves aniñaron en min/ (…) Só sei que aquí me tés, a ti oferecida,/ sen culpa deste amor que caiu sobre min…”
Sétima soidade (Pilar Pallarés)

no entanto-el-ese fabuloso Home Das/Neves-que chegara coa chuvia/enardecido-non volveu nunca. suicidárono con/barbitúricos polo nadal. antes diso-amouna./
profunda y tiernamente en su sexo. il était un vrai/homme: un homme grand. coma un elefante/boca abaixo. mais elle -quelle putain!- xamais o/quixo como se esperaba. iso-sen dúbida-ten que/ser imperdoábel./agora viven separados por zonas de penumbra e/
xa non volverán comerse a boca. el púxose medio/azul. coma ti-daddy/.e Baby-inmenso e sutil corazón crocante-repite xa/sen tregua: yo fui contigo una diosa en el sol. a/flor preciosa do saguaru: Amerindia Implacábel/no deserto de arizona. respirei pola túa boca-my/ beloved. pero eso tampoco fue suficiente para ti.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)

a paz como obriga/ meu ben/ perdidos nas realidades prácticas/dun mundo que non escollemos/inmutable/sen posibilidades de cambio./ no que sernos escravos (…) e con todo/seguirmos xuntos/ porque xuntos ten un significado meirande/ do que un nós/ ti e máis eu/ nun só corpo.
queremos paz (Alberte Momán)

a histeria dos escravos non desaparecerá facilmente: chantou as/ raíces nas terras de chaguán co pánico agochado nunha bolsa de papel: o/lugar idóneo para ocultar a nerviosa predisposición á derrota./o servo adscribiuse pois ao patrón sexual imperante e pagou debidamente/polas horas gozadas a cachón. violouse a si mesmo por CORECENTOS/MIL MISERÁBEIS DÓLARES. tan tranquilamente./a aniquilación ética ten o seu berce na ansia de vivir en paz no espazo/ chaguazoso.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)

Solpresa riso ou sexa/De pampillo e gromo de salseiro nos cons/Derradeiros/Verde folliña e anúnciase a flor/idiota entre a espada que che afundo por tras/E o tristén da baba túa/A Primavera é louca a Primavera é parva/E caseque non choras oh miña mixiricas.
Erótica (X.L. Méndez Ferrín)

y bien-Amigas De La Tierra-de todas mis/ muertes-la peor fue la primera. sorprendeume pola,/distensión muscular no meu corpo infantil e emerxente./
tamén polo inesperado. como imaxinar un deceso despois/ dun roce de linguas envolto en sal de mar e rochas/branquísimas?/ pero has muerto-dijeron las flores. entonces me fui: je suis/ sortie du nombril comme un minuscule indien à cheval/ ménant tout son monde avec lui: la fillette aux pieds/rouges-l’enfant morte. une enfant de mille ans: la belle/ vieille vivante: o corazón milenario. Crocante

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)





Labarada concreta e inmediata de xeografías precisas./ Preamares frutais cimbrantes. Océanos/ (…) Inquebrantablemente abrir as comportas (…)/ Irremediablemente abrir as comportas/ E unha e outra vez abrir tódalas fiestras abrir/ tódalas portas/(…) Non sabíamos que as nosas conciencias elaboraran xa dende/ había tempo esa forma violenta de/ abrir as comportas
Elevar ás pálpebras (Yolanda Castaño)

todo o que abrimos son portas: inmensas/ portas grandísimas: des portes en fer.novas estensións eléctricas ardendo no cumio do monte/ azul-como daddy: amorriñado de chuvia: mirando/ o mundo por aquela ventá. /DOUSCENTOS OITENTA MIL INDÍXENAS/ VIVEN EN RESERVAS PARA ACOMODO/ AMERICANO-darling-caen pola beira do xares./son indias descabezándose no río-güei! tu nunca/ falaches dun amor tan cheo de odio…
atlas de chaguán (Rosa Enríquez)

Cando Usen creou os apaches, creou tamén os seus fogares no oeste.Deulles os cereais, as froitas e a caza de que eles precisaban para comer.Para restaurarles a saúde en caso de enfermidade, deulles moitas herbas diferentes. Aprendeulles onde encontrar esas herbas e como preparalas. Deulles un clima agradable, e todo o que necesitaban para vestir e abrigarse estab na súa man. Así foi o principio: os apaches e os seus fogares, un creado para o outro polo propio Usen. Cando eles son sacados dos seus fogares, adoecen e morren. ¿Canto tempo falta para que se poida dicir que non hai apaches?”
Gerónimo, unha autobiografía (Ed. Positivas)

montes sen árbores como borralleiro ecolóxico./hectáreas de capital inhumano./ Usen entregou a terra ao gando para que/ mirase por nós. e a terra foi/-finalmente-arada con xeito. run-Baby-run-dixeron as vacas. e Baby/ corría que se mataba. MAIS OS DOUSCENTOS/ OITENTA MIL INDÍXENAS CITADOS/ ANTERIORMENTE FICARON NAS/ RESERVAS PARA ACOMODO/ AMERICANO./non todas as cousas poden moverse a un tempo./ e elas-as indias-seguen varadas: comidas polo/ bicho da memoria.
atlas de chaguán (Rosa Enríquez)

NOVONEYRA
Mozo Grande gastaba americana/ (…) sorrir de Mozo Grande sobre á mése que ondula/ na memoria da Casa/(…)  nunca escribín un verso sen pavor do seu xuízo.
O outro (X.L. Méndez Ferrín)

e tu serás repudiado por todas as indias- dijo la/ diosa as Hombre Del Water. e as vacas reunidas en/ asemblea  sacáronlle da boca as palabras roubadas. nunca/ o gando foi tan forte. nunca tan locuaz en su discurso./ os lugares da ruína xorden da ausencia de vínculos/ poíticos. estes non florecen nos tapices de cristal.viven/ en lugares sen luz: á beira do xares-no canón do sil-en/colorado-na arizona devastada polo home branco-na/serra do eixo-en córgomo city-no central pireira park. na/quinta avenida vella e torta que se abre contra nós-como/ para estrellar corpos nunha mediana que non existe./ polo carreirón que conduce a estas paraxes viaxa o/ espírito de novoneyra en canoa: un esprit en cuivre dur et/ impérieux et fier et faible aussi. c’est un pays aux yeux/ panthère bleu qui voyage au centre de la terre./ pai-tu fais que cavile nisto máis do aconsellábel. ahora este silencio sobre mi tierra es la principa cuestión/ política de mi desgarro.
Atlas de chaguán (Rosa Enríquez)

E canto peores sexan os tempos que vivamos, máis fasa será esa inxenuidade, menos inocente a indiferenza, e máis cómplice non comprometerse, que sempre se converte nun cinismo e táctico sentimentalismo que ó final se perverte nun cómodo e cego refuxio filosófico supostamente radical, pero temeroso e sempre subvencionado polos vellos o novos amos.
Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia (Lois Pereiro)

O lobo é can de monte./ Pero tu soñabas con tigres./ E-tras dunha lenta agonía-fixémonos indixentes./ E eu afoguei no cazo da sopa./ Logo lanzácheste por min. Viñeches nun barco de papel./ Pauline no océano-entre fideos e sal: colgada dunha culler./ E seguimos sendo listos./ Sobrevivimos./ O día exacto. La hora perecta. C’est ça./ E o can era o noso lobo da casa.
Desobediencia (Rosa Enríquez)
o barco é un trasatlántico de maxia fabulosa. cun ritmo/doce-como de bolero. a produción de beleza ten lugar alí: nese/batracio de metal que non acepta a enfermidade. todas as Babies de/naugahc-dados os síntomas psiquiátricos de euforia-foron/introducidas nun bote para mulleres violentas. o batracio puido así/perpetuar a súa particular paz: deliciosa e podre: feita con palabras/aromáticas e profundo desprezo pola humanidade desolada./ en verdad os digo-amadas Fillas Do Aire-dicía o libro-que
ornamentar a podremia con luces de neón é entregarse ao abismo/xerado polas trampas do comercio e da linguaxe. non podemos esquecer/este importante detalle se queremos atravesar o corazón da Arizona/ devastada./CUN MISERÁBEL DÓLAR PÓDESE CONSTRUÍR UN/DISCURSO MERCENARIO-se o socialismo-por exemplo-deriva/en actitudes estéticas de resistencia-con incapacidade de seu para o
deslizamento/naugach é-definitivamente-un batracio imperial: un inmenso
océano de auga seca: a fochanca ideal para nenos de cincocentos anos/ que non han medrar nunca. un puit fort noir et profond.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)


Por primeira vez en moitos anos puiden gozar da contempación do mar sen temor a que a sombra do barco de Ulíses se debuxase no horizonte. Grazas, señora, por me devolver o mar. A vós débovos recuperar o pracer do azul (…) Miña amiga, miña confidente, miña confidente, miña guía, foi grazas a vós que me atrevín a nomear aquilo que levaba tantos aanos atormentándome. Poñerlle nome, conseguir nárralo, permitiume trousar boa parte do veleno que Ulíses introducirá na miña alma…

Circe ou o pracer do azul (Begonha Caamaño)



pensemos-finalmente-en las mujeres solas y/ abandonadas a su suerte. imaxinemos os corpos de seu esvacallados/no cuarto. inmóbiles estáticas domésticas: femmes à/
talon-sur l’herbe métallique- toutes belles et électriques. situées au/centre-ville. commes des cocottes en cuire-mécaniques et violentes./sabemos acercarlas a nuestro mundo de sueños y libertad?/aquelas que non cantan a pombas i frores aman a liberdade de todas/ as mulleres. tamén a das idiotas.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)






Baby coñeceu o cheiro a estrume da friaxe./ contemplou-marabillada-como aquel terrorífico Home Das/Neves se transformou-esto es-se hizo Hombre Del Water.
agora gran fedor zumega polos lugares que transita o animal/desprezábel./desta vez haberá que cociñalo no forno da casa. asegurarse de/su muerte. así no podrá impedir que ocupemos nuestros/asientos fuera de este barco.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)


non acepta a/ terrorífica ordenación do xardín/ sobre a idea do xardín/ esboroa o século: non hai/ héroes que conduzan ao final/ do poema.e a john  lee hooker/ ándalle a torboada na gorxa,/ só o desprezo/ funciona para definir esta vida,/ a administración de cicatrices.

A igualdade non é un obxectivo nin un/ programa, é un principio ou unha/ afirmación, non se trata de querer que os/ homes sexan iguais, trátase de declarar/ que os homes son iguais e tirar as/ consecuencias deste principio./ alain badiou, a idea da xustiza (dous mil catro)/

ruído de fondo (Daniel Salgado)


As ruínas do xardín abandonado, das flores do inverno/ da nevarada ausente/ dacabalo do vento, das follas dos plátanos/ sobre a suor de neve…

Neve (Lucía Novas Garrido)


O tálamo de luxúria santa do vampiro/ A felicidade hiper-proteica das súas urbanizaçons de luxo/ o pundonor sexual dos seus carros de gama alta”

“A violencia de clase é a que desenha de maneira precisa o/ límite entre os que somos clase trabalhadora e os que, desenhada/ linha, vem-se fora.”

Letras de amor e guerra (Ramiro Vidal Albarinho)


naugach: sitio eléctrico. metido no fondo dos montes/provoca
unha explosión de imbéciles sobresaltados. UNHA/MILLONADA DE SÁTIROS TREMEN ANTE A/CÓLERA DAS NINFAS./las indias visitantes de arizona-my beloved-serán el brazo de/mar en nuestra tierra fabulosa. realizarán actos feos y sucios/ que nos gustarán.
a ver se desta vez aprendemos que a ordenación simétrica do/
céspede é terrorismo capitalista. la intención es agruparnos/
en casitas donde guarecernos de un enemigo que dice y/
piensa esas cosas que ofenden. construír unha reserva urbana/
de modernos idiotas egoístas atenazados polo compromiso:/
carnehumanalíquidaquenacecomeconsumeedesaparece.

atlas de chaguán (Rosa Enríquez)


                                            Barcelona, 20 de setembro
Esta cidade é alucinante. Moita Luz. Moita xente movéndose a toda hostia polo trazado perfecto. Xente que pelexa.Comecei as clases. Todo está cheo de enrexía, información, novidade. Síntome moi pequeña, ás veces moi grande. Ven pronto aquí.
                                                                      Bicos de María

Dark Butterfly (Rexina Vega)


Nas azoteas/ as/ marcas/ impenitentes/ da chuvia á tardiña( sobre o gris da cidade interior.

Diáspora (M. Neves Soutelo)


Existe unha literatura do consentimento: utiliza a amabilidade como estratexia: declara o discurso inmóvil da institución e na quietude histórica acha un lugar oposto á incerteza: a descrenza do real implica a renuncia a transformalo.

(…)Contraponse ás durezas da materia: é redonda, brilla, considera válido o procedemento polo que a escrita vira en mercadoría: nega relación entre a escapada e o poema.

(…) Ofrece un diagnóstico que sitúa a linguaxe fóra do campo de batalla: evita pelexar cada espazo, dáse ben na xestión do rexistro consensual: todas as palabras funcionaan igual para todos os emisores: a doenza podería denominarse alienación lingüística: non saben por que o fan, pero fano.

Sobre literatura e turbocapitalismo, apuntamentos. (Daniel Salgado)

Aquí me tes, vello país./Velaí outro poeta./Xa che dei  os mil poemas/que noutrora prometera./Podes, pois, esparexelos/como cinza sobre a tarde/ou deitalos no baúl do esquecemento./Non che pido outros honores./Fun feliz co meu destino./Mais non deixes que se borren/as palabras, a linguaxe,/o tear con que foi feito/este incerto tapiz.

Nova exhortación ao maldito país. (http://oximnasiodeacademo.wordpress.com/2012/11/15/nova-exhortacion-ao-maldito-pais/) Manuel FORCADELA











11/11/12

Poematiza V


O vindeiro mércores día 21 de novembro de 2012 de cinco a sete da tarde terá lugar, dentro do ciclo POEMATIZA, a intervención do poeta, profesor e crítico Claudio Rodríguez-FerAula A4A da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.


Os textos sobre os que se centrará o debate son os seguintes:


Claudio Rodríguez Fer


POÉTICA POÉTICA


Ética poética

“En todas partes e en todas as cousas vou ata o final. Toda a miña vida sobrepasa os límites convencionais”, escribiu Dostoievski cifrando unha divisa existencial coa que sempre concordei na vida e na poesía.
*
O tempo de miseria da célebre interrogación de Hölderlin “e para que poetas en tempo menesteroso?”, que equivale ao “tempo de sombra” de Brecht, anticipa a reflexión de Adorno segundo a cal escribir poesía despois de masacres como Auschwitz devén un acto de barbarie. Mais neste sentido, concordando con Valente, creo que precisamente despois dos holocaustos sería un acto de barbarie renunciar á poesía.
*
Tolstoi aseguraba que “intentar acabar coa violencia pola violencia é como pretender apagar lume con lume”. Por iso aconsellou: “Queredes suprimir o mal. Pero isto é imposible. Para que non exista o mal, non o fagades!”. Cómpre, pois, non apagar lume con lume, senón prender poesía con poesía.
*
Exemplarmente, Coleridge sentenciou na súa Biographia Literaria: “Non perseguir nunca a literatura como negocio”. En tempos de precariedade, Valente anotou a cita interpretándoa en función da súa propia situación, confortado polo “consolo e seguridade” que aquela divisa lle proporcionaba. Pero a verdadeira poesía é esencialmente irredutible ao negocio.
*
“Aquilo que che censuren, cultívao, porque iso es ti”, asegurou lucidamente Cernuda. Polo mesmo, o que queira que sexas ti será sempre censurado por alguén ou non serás ti.

Estética poética

Compartido con Borges: “Sempre que folleei libros de estética, tiven a incómoda sensación de estar lendo obras de astrónomos que xamais mirasen ás estrelas. Quero dicir que os seus autores escribían sobre poesía coma se fose un deber, e non o que é en realidade: unha paixón e un pracer”.
*
Juan Ramón Jiménez falou de naturalidade non perfecta en poesía e Robert Capa definiu a súa fotografía en acción como lixeiramente desenfocada. Como no conto “O retrato oval”, de Poe, onde o pintor vai facendo esmorecer a amada mentres a retrata, a metódica pretensión da perfección pecha as portas da arte e mata a vida.
*
“Eu non sei o que busco eternamente”, confesou Rosalía de Castro. En efecto, quen crea non debe saber de antemán o que busca, senón que debe ser a primeira persoa sorprendida co achado para que a súa obra posúa verdadeiro sentido e auténtico coñecemento. E Picasso aínda foi máis alá no estado de disposición para a súa experimentación permanente cando dixo: “Eu non busco, atopo”.
*
Octavio Paz postulou: “As verdadeiras ideas dun poema non son as que se lle ocorren ao poeta antes de escribir o poema senón as que despois, con ou sen a súa vontade, se desprenden naturalmente da obra”. Por iso os poemas son, como di o título do seu ensaio sobre o tema, “signos en rotación”, cuxa significación final vén dada pola linguaxe epocal e polo colectivo lector: “o poema é un conxunto de signos que buscan un significado”. Trátase pois de ambiguas e plurisignificativas propostas que se constitúen enObra aberta, como titulou Umberto Eco o seu tratado sobre as polisémicas e polifónicas “obras en movemento” que esixen a participación do público.
*
“Non hai normas. Todos os homes son excepción a unha regra que non existe”, escribiu Pessoa. En consecuencia, o mesmo ocorre cos poemas.

Política poética

            Dinnos que coa nosa actitude xamais alcanzaremos o poder. Nós aspiramos á felicidade persoal é á liberación colectiva e temos a perfecta seguridade de que ningunha das dúas cousas pode alcanzarse a través do poder, senón, precisamente, á marxe do poder e contra todo poder. A poesía alcanzarase a través da poesía ou non se alcanzará.
*
Platón quería expulsar os poetas da súa República ideal por consideralos un perigo, mais Aristóteles dicía que había que crer nas utopías porque a realidade é incrible. E as utopías, como a poesía, non son máis que realidades prematuras.
*
            En poesía, o premio é sempre peor que o castigo. Por iso Satie criticou que Ravel rexeitase a Lexión de Honor cando toda a súa música a aceptaba: “Non é suficiente rexeitar a Lexión de Honor, o que cómpre é non merecela”.
 *
“A prisión: un cuartel un tanto estrito, unha escola sen indulxencia, un taller sombrío; pero, no fondo, nada cualitativamente diferente”, afirma Foucault en Vixiar e castigar. E tampouco é nada cualitativamente diferente fabricar historias, memorias ou obras supostamente creativas para nelas pechar, vixiar e castigar as ideas e as persoas libres.
*
Cando Gandhi sinalou que “non hai camiños para a paz”, pois “a paz é o camiño”, estaba sinalando moitos camiños, entre eles a poesía, pois non hai camiños para a poesía: a poesía é o camiño.


Crítica poética

“Para teorizar requírese unha inmensa inxenuidade; para non teorizar fai falta una inmensa honestidade”, escribiu Eliot, pero o petimetre petulante e o pontificador integrista sempre o comprenden demasiado tarde.
*
“Facer crítica de libros malos non é só unha perda de tempo, senón tamén un perigo para o carácter”, deixou dito W. H. Auden con poética sabedoría. Claro que Woody Allen inverteu lucidamente a proposición lembrando un crítico a quen todo lle parecía malo ata que conseguiu o amor dunha muller espléndida, momento xusto dende o cal todo comezou a parecerlle bo.
*
Paradoxalmente, Octavio Paz salientou que non é “inexacto chamar á tradición moderna: tradición da ruptura”, porque a súa perseveranza crítica na continuidade da ruptura supón tamén unha tradición, na que poden ensarillarse autores de moi diversos momentos. De feito, tanto Eliot como Borges sinalaron, tamén paradoxalmente, que da mesma maneira que obras pasadas inflúen nas presentes e nas futuras, estas poden igualmente influenciar a aquelas, posto que modifican a visión que se tiña das mesmas. En efecto, algúns escritores crean dalgún xeito os seus propios precursores e algúns movementos as súas propias tradicións, máis alá da estrita lóxica cronolóxica. Por iso cómpre falar de constelacións e non de xeracións.
*
Valente tiña o concepto de xeración “por inutilizable” debido á súa mecánica carencia de rigor e interese, pois sempre se trata da construción interesada dun “turbio negocio” caracterizado pola súa ”neta falsidade”. De aquí que toda xeración teña “máis existencia antolóxica que ontolóxica” e que todo “grupo” de autopromoción sexa unha simple “grupa” para plataformarse: “Pero nin a noción de xeración nin a de grupo servirían realmente para apresar, dende un punto de vista crítico, a obra do escritor individual. Só cando a matriz do grupo se desgasta e o escritor se desprende dela empeza este a existir”.
*
Parece incrible que aínda haxa quen reduza a creación poética a etiquetas derivadas da acomodaticia simplificación xeracional ou da falsaria frivolidade da publicidade dos grupos literarios, como tantas veces ten denunciado Gamoneda a propósito deste tipo de “operación de marketing”. Ademais, que interese pode ter buscar e salientar o coincidente e carente de novidade nunha obra en lugar do único e provisto de orixinalidade da mesma? Porque o que se busca se atopa, e, obviamente, sería tan doado encontrar igual ou maior número de coincidencias entre autores de idades e lugares moi distantes que entre autores dunha mesma idade e lugar.

Erótica poética

            “Nada é real senón o escribo”, confesou Virginia Woolf, acaso reafirmando a función cognoscitiva e gozosa da escritura, porque, polo menos para min, pracer e coñecer son sempre o mesmo. Como explicou Breton: “O imaxinario non existe. Todo é real”.
*
Porque precisamente é o desexado quen esperta o desexo, postulou Lévinas que “nada se alonga máis do eros que a posesión”. E pola mesma dinámica na que, tras a emerxencia do Outro, o suxeito desexante xa non é o mesmo unha vez alcanzado o obxecto desexado, pode dicirse que nada se alonga máis da poesía que o poder.
*
            Cernuda escribiu ou escribiuse que “nada podes percibir, querer nin entender se non entra en ti primeiro polo sexo, de aí ao corazón e logo á mente. Por iso a túa experiencia, o teu acorde místico, comeza como unha prefiguración sexual”. E Juan Goytisolo mostrou e demostrou “a alquimia que converte o amor a un corpo –un modelo físico e cultural de corpo- nunha forma voraz de coñecemento capaz de transformar ao amante en lingüista, investigador, erudito ou poeta; de facerlle pasar do individual ao colectivo e abrirlle os ollos ás traxedias e inxustizas da historia; de impulsalo a militar nas filas do anticolonialismo e penetrar na lingua, literatura e pensamento que o corpo amado convoca”. Para min, dende logo, non pode haber creación integral sen prefiguración erótica e sen pulsión sexual.
*
            O enigmático Magritte deixou dito: “Non hai dúbida de que un sentimento puro e vigoroso, chamado erotismo, salvoume de caer na busca tradicional dunha perfección formal”. En efecto, soamente o erotismo, nas súas variadas encarnacións, pode superar as retóricas e provocar a autenticidade e o avance artístico “sen a intervención reguladora da razón, á marxe de toda preocupación estética ou moral”, como prescribe o consabido manifesto surrealista de Breton.
*
            Miguel Hernández, nun arrebato de sinceridade lírica que sempre compartín, asegurou que sentía dor “nos collóns da alma”, acaso porque con eles escribía, efectivamente, o cabreiro miliciano, con independencia de que os que carecemos da súa formación relixiosa non creamos na alma nin sequera nun sentido figurado. Quen non escribe con todo o corpo, escribe dende a extirpación.
*
“Que outros presuman das páxinas que escribiron; / a min comprácenme as que lin”, poetizou con intelixente humildade Jorge Luis Borges. Que outros presuman das páxinas que escribiron ou mesmo que leron, podería dicir tamén eu: a min só me compracen as persoas, os lugares e os momentos que mas inspiraron.


CATRO POEMAS POÉTICA



POESÍA


Non escribo con máis tinta
que a traza do teu fluxo.

Pero vou cara ao teu corpo
e a vida non se escribe.


(Claudio Rodríguez Fer, A unha muller descoñecida (Ferrol, Sociedade Valle-Inclán, Colección Esquio, 1997), recollido en Amores e clamores (Poesía reunida) (Santiago de Compostela, Ediciós do Castro, 2011).



POESÍA É ACCIÓN


                                    ...que lo primero es ser hombre,
                                    y lo segundo, poeta.
                                   
Atahualpa Yupanqui
           
A poesía nunca está nas palabras.

A poesía non está nestas palabras,
senón nos actos que conlevan.

Por iso este poema é un acto radical
ou non é nada.

A poesía é dicir, escuetamente,
que a poesía nunca está nas palabras,
senón no que se fai cando se escribe,
senón no que ti fagas cando a leas.

Non existe a poesía,
senón probas de poesía.

A poesía é acción ou non é nada.


(Claudio Rodríguez Fer, A loita continúa (Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2004), recollido enAmores e clamores (Poesía reunida) (Santiago de Compostela, Ediciós do Castro, 2011).
O MERGULLADOR




Mergullarse ígneo
nos cráteres líquidos.
Mergullarse no azul
para nadar no ar.

Inspirar para inspirarse,
respirar sen regresar.
Salto constante
e inmersión sen fin.

Voar e voar mergullado
no vórtice das vulvas.

Nunca nostalxia das aletas,
senón ansia das alas.

            (Paestum)




A BOMBA CON PÉTALOS DE ROSA


Déixame docemente desviolarte,
reparar a túa rosa maltratada
cunha chuvia de bicos
    ou de nada.

Quixérate vestir de desvestidos,
quixérate calzar de desandalias,
herba ou brisa por toda indumentaria,
e así amorosamente deslinguarte,
desocupar o idioma da intenrura
e desdicir
     dicindo
a verba núa.

Desexo desferirte e infrustrarte,
proclamar o amor a mar aberta
porque ti me ensinaches tristemente
que tamén pode nevar en primavera.

Desorballando bálsamo en ti dentro
ser nube quixera na túa boca
e así desactivar a húmida bomba
que ocultas con pétalos de rosa.

Eu teño o corazón conectado a unha bomba
e daría a poesía por que estoupase en rosa.


(Claudio Rodríguez Fer, Unha tempada no paraíso (Noia, Toxosoutos, 2010, introdución de Olga Novo), recollido en Amores e clamores (Poesía reunida) (Santiago de Compostela, Ediciós do Castro, 2011).