13/10/13

Con barqueira e remador. II Obradoiro Internacional de Tradución Poética

Do 14 ao 19 de outubro realizarase a segunda edición do obradoiro internacional de tradución poética, "Con barqueira e remador" na illa de San Simón. En colaboración cos grupos de investigación BITRAGA e GAELT, da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, realizarase o xoves 17 outubro, ás 19:30 horas, unha mesa redonda co título CERCANDO AS ONDAS. Tradución poética en mans de poetas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, Vigo). 


Poetas que participan: 
Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (EE.UU.), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia).



GÖKÇENUR Ç

Asinando sempre co seu pseudónimo literario, Gökçenur Ç. naceu en Estambul en 1971 e pasou a súa infancia entre varias cidades turcas. Enxeñeiro Eléctrico pola Universidade Técnica de Estambul, realizou tamén un Máster en Administración de Empresas pola Universidade da mesma cidade.
En 1990 comezou a publicar os seus poemas en revistas literarias turcas, e o seu primeiro libro –Manual de todo libro- saiu en 2006 baixo o selo de Yitik Ülke (Terra Perdida). Na mesma editorial viu a luz, en 2010, Tumba das palabras, mentres que o seu terceiro poemario, A única maneira de mirar para trece merlos a un tempo, foi publicado en 2011 en Italia por I Libri Del Merlo. No ano 2012, unha antoloxía persoal titulada Estamos no mundo logo somos palabras, que ben que todo mundo está aquí saiu en turco no prelo de Yitik Ülke e en serbio no de Treci Trg. Nese mesmo ano, a citada editorial turca sacou o seu quinto e último libro, Con tantas palabras ás túas costas. Traduciu antoloxías de autores como Wallace Stevens, Paul Auster, Anne Carson, Katerina Illiopoulou, Milan Dobricic, Ivan Hristov ou Claudiu Komartin, ademais dunha mostra do moderno haiku xaponés en turco, mentras prepara unha antoloxía de poesía americana contemporánea.
Participou en festivais, obradoiros de poesía ou de tradución poética en Riga, Vilnius, Estambul, Atenas, Tel-Aviv, Belgrado, Lodeve, Sofía, Zagreb, Edimburgo, Crear e Cunda. Os seus poemas viron a luz en revistas literarias traducidos ao inglés, alemán, francés, grego, búlgaro, sueco, portugués, xaponés, rumano, letón, lituano, macedonio, serbio, croata, occitano e hebreo. Así mesmo, ten organizado moitos obradoiros de tradución poética en Estambul, Gümüşlük e Tel-Aviv, é un dos fundadores e membro do consello de Interaccións Culturais Internacionais Delta e tamén o principal impulsor e co-director do proxecto Word Express (www.word-express.org).
 

LAWRENCE SCHIMEL
 

Lawrence Schimel naceu en Nova York en 1971 e reside en Madrid dende 1999. Escribe tanto en castelán coma en inglés, e publicou máis de 100 libros de diversos temas e xéneros: narrativa, ensaio, literatura infantil, biografía, poesía, cómic... Publicou un poemario escrito en castelán, "Desayuno en la cama" (Egales, 2008) e dous en inglés: "Fairy Tales for Writers" (A Midsummer Night's Press, 2007) e "Deleted Names" (A Midsummer Night's Press, 2013). É ademáis compilador da antoloxía en catalán "Ells s’estimen. Poemes d’amor entre homes" (L’Index, 1999). Ten feito as súas propias versións en galego para os libros infantís bilingües: "Igual que eles/Just Like Them", "A árbore minguante/The Shrinking Tree", "O neno e o espía/The Boy and the Spy" (todos para Ediciones del Viento, 2010). Gañador do premio Lambda Literary en EEUU en 2008 e 1998, os seus libros infantís foron seleccionados polos White Ravens 2005, e polo IBBY entre os “Libros Destacados para Mocidade con Minusvalías” en 2007 e 2013, entre outras honras. Textos seus foron traducidos ao alemán, castelán, catalán, checo, coreano, croata, eslovaco, esloveno, esperanto, estonio, éuscaro, finés, francés, galego, grego, holandés, indonesio, inglés, islandés, italiano, xaponés, maltés, polaco, portugués, romanés, ruso, serbio, turco e ucraíno.
 

KÄTLIN KALDMAA 

Kätlin Kaldmaa é unha poeta, escritora, tradutora e crítica literaria estonia. Ten publicados catro poemarios: Larii-laree (1996), Un non é ningún (2008), Mundos descoñecidos (2009) e O alfabeto do amor (2012); dous libros para crianzas: Catro nenos e mais Murka (2010) e A historia de ‘Alguén Ninguénez’ (2012); unha obra de non-ficción e carácter autobiográfico titulada A felicidade é unha cuestión de decisión (2013) e, por último, a novela Non hai bolboretas en Islandia (2013). Ten escrito amplamente sobre literatura, en especial sobre tradución literaria. Do mesmo xeito, ten traducido máis de 30 obras da mellor literatura internacional dende as illas británicas ata Latinoamérica. Entre ditos autores figuran nomes coma os de Jeanette Winterson, Aphra Behn, Michael Ondaatje, James Meek, Ali Smith, Meg Rosoff, Madeleine Thien, Goran Simic e Gabriel García Márquez. Pola súa banda, os seus propios poemas foron traducidos ao árabe, alemán, latín, xaponés, ruso, inglés, castelán, finés, esloveno, francés e coreano. En 2012 foi galardoada co premio anual de relato Friedebert Tuglas. Actualmente Kätlin Kaldmaa é a Presidenta do PEN Club estonio.
 

ISAAC XUBÍN
 

Nado en A Coruña en 1978, é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega.
Como creador ten publicado obras de poesía: Elementos de matemática (2002), Lisboa (2004)e Con gume de folla húmida (2012), poemario co que obtivo o premio da XXIV edición do certame Eusebio Lorenzo Baleirón; e de narrativa curta: Château Bobcat (2009) e Le pied de Julien DuPuy (2011), ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos de Redondela.
Como profesor e investigador elaborou o Dicionario elemental galego-éuscaro publicado pola Universidade de Vigo no ano 2010. Foi lector de lingua e cultura galegas no Colexio Universitario de Cork entre os anos 2009 e 2012 e na actualidade realiza o doutorado na devandita universidade cunha tese sobre literatura e gastronomía. No eido da tradución destacan as obras Bilbao-New York-Bilbao, de Kirmen Uribe, e a escolma poética Sete poetas vascos. É membro da asociación sociocultural Redes Escarlata.
Como deportista afeccionado xogou ao rugby no Mareantes de Pontevedra e no Universidade de Vigo. Tamén xoga ao fútbol gaélico no Douglas de Cork e vestindo as cores da Selección Galega participou no histórico encontro internacional Galiza-Bretaña, celebrado en Narón o 21 de xullo de 2012. Mantén un blog de rugbi Melé a cinco no xornal electrónico Praza Pública.
 

ANNA T. SZABÓ
 

Esta poeta, dramaturga, escritora e tradutora húngara naceu en 1972 en Transilvania (Romanía), e trasladouse a Hungría en 1987, especializándose en Literaturas Inglesa e Húngara pola Universidade de Budapest. En 2007 douturouse en Literatura Inglesa do Renacemento.
Con 23 anos publica o seu primeiro libro de poesía, que axiña recibe o Premio Petőfi (1996) para novas promesas. Seguiranlle outros cinco títulos máis –a lista consta de Pegadas de paxaro na neve (1995), Gravidade (1998), Luz (2002), Captura de movemento (2004), Abandonándome (2006) e Luz eléctrica (2010)-polos que continuou recibindo diversas bolsas e importantes galardóns. Do mesmo xeito, é autora de seis libros de poesía para crianzas e catro obras de teatro levadas a escena con grande éxito. Ten traducido multitude de poemas para revistas especializadas, ensaios, novelas, literatura dramática ou radiofónica, libretos e ata letras de cancións, sobre todo do inglés (incluíndo Sylvia Plath, Yeats, Updike, Shakespeare, Middleton ou Beatrix Potter) aínda que tamén do francés ou do rumano. Coas súas opinións ou críticas literarias colabora en medios de comunicación tanto escrita como televisiva. Ademais do seu labor como tradutora literaria e docente ocasional, ten traballado para o Consello Británico coma unha das coordinadoras do Obradoiro de Tradución en Budapest (do 2000 ao 2004), como co-editora dos cadernos e mais o portal da Fundación Húngara do Libro (do 2002 ao 2006), como tradutora e crítica de cine para o xornal CINEMA (do 1997 ao 2007) e como editora de poesía para a revista literaria O húngaro trimestral (do 2008 ao 2011). Actualmente traballa como escritora e tradutora freelance e reside perto da capital húngara.
 

XUAN BELLO
 

Xuan Bello naceu en Paniceiros, Tineo (Asturias), en 1965. Xa na adolescencia, trasládase a vivir a Oviedo. Publica en 1982 o seu primeiro libro de poemas, Nel cuartu mariellu, escrito con só 16 anos. Dende entón, elabora unha obra literaria diversa nos campos da poesía, o ensaio, a narrativa e o xornalismo. Foi co-fundador dalgunhas revistas asturianas como Adréi, Zimbru, Brixely así como colaborador de Lletres asturianes ou Clarín. Pertence á denominada "segunda generación del Surdimientu" e é activo integrante da tertulia Óliver. Director do semanario Les Noticies ata a súa extinción, onde publicaba regularmente artigos, contos, recensións, reportaxes, actualmente colabora regularmente con xornais como El Comercio, El País (El Viajero) ou o suplemento de cultura ABCD. Dende a súa produtora de radio e televisión promove diversos proxectos culturais e literarios. Xuan Bello é, sen dúbida, un dos escritores máis relevantes en lingua asturiana e o que maior proxección logrou no ámbito estatal, acadando un éxito notable de público e crítica con libros como Historia universal de Paniceiros ou Los cuarteles de la memoria, traducidos por el mesmo ao castelán e reunidos en Paniceiros (2004).
Un chisco máis polo miúdo, a súa biobibliografía poética consta de Nel cuartu mariellu (1982), Llibru de les cenices (1988), Los nomes de la tierra (1990), El llibru vieyu (1994), Los caminos secretos (1997), e a antoloxía bilingüe asturiano-español La vida perdida (1999). Entre as obras de narrativa cóntanse La memoria del mundu (1997), Hestoria universal de Paniceiros (2002), Los
cuarteles de la memoria (2003), a compilación Paniceiros (2004) que inclúe os dous títulos anteriores, Hestoria universal de Paniceiros (2004), La cueva del olvidu (2006) e Al Dios del lugar (2007). Ademais, publicou obras como Pantasmes, mundos, laberintos (1996), unha historia apócrifa da literatura asturiana; as escolmas de artigos Ríu arriba (1998), Cómo facer L'Habana ensin salir d'Asturies (1998) e La bola infinita (2000); a edición crítica do autor Constantino Cabal L'alborá de les malvises (1999) ou unha mestura de diario e ficción titulada Meditaciones neldesiertu (2003). En La nieve y otros complementos circunstanciales (2006) publica textos de natureza diversa (contos, aforismos, crónica de viaxes...) e colabora no libro de fotografía de Mark John Ostrowski Tratantes : una especie en extinción (2006). Hai que sumar a esta listaxe as novelas máis recentes La confesión xeneral e La historia tapecida.
Na súa labor como tradutor para o asturiano hai que contar nove obras publicadas, dende o galego, o catalán, o portugués e o inglés, de autores como Castelao, Cunqueiro, Pessoa, R. L. Stevenson ou Arthur Conan Doyle.
 

SAMIRA NEGROUCHE
 

Samira Negrouche é unha escritora e poeta alxeriana residente en Alxer. É doutura en Medicina, mais tamén organiza eventos literarios e interdisciplinares. É autora de poemarios como À l’ombre de Grenad [Á sombra de Granada](2006) ou Le jazz des oliviers [O jazz das oliveiras] (2010) (canda 9 obras de Yves Olry), a carón de outros traducidos e publicados en Italia (2011) e Arxentina (2012). Outros textos seus foron traducidos a máis de quince linguas, para ver a luz en revistas especializadas ou libros colectivos.
Negrouche escribe en francés e traduce poesía árabe contemporánea , sendo a súa última tradución –a do poemario Un ange sur une corde à linge [Un anxo na corda frouxa], de Mazen Maarouf- recentemente publicada en París. Ocasionalmente traduce tamén dende o inglés e o tamazight para o francés. Con moita frecuencia amosa o seu traballo en colaboración con músicos ou artistas visuais de ámbito internacional.
En 2012 publicou en París a antoloxía de poetas alxerianos francófonos contemporáneos Quand l’amandier refleurira [Cando a amendoeira volva florecer] (Editions de l’Amandier), e creou o espectáculo titulado “Soleils” [Soles] centrado na poesía francófona alxeriana dende os anos trinta ata a actualidade. Así mesmo, dirixiu Le printemps des poètes [A primavera poética] en Alxeria para o Instituto Francés de Cultura dende 2007 a 2012, é membro do consello internacional do festival Voix de la Méditerranée [Voces do Mediterráneo] de Lodève (Francia) dende 2009 e fai parte do consello alxeriano das artes e a literatura.
O seu último traballo publicado ata a data é Le dernier diabolo [O último diaño], unha novela publicada polas éditions chèvre-feuille étoilée en Montpellier o pasado outono de 2013.
 

Sem comentários:

Enviar um comentário