No ámbito do III Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con Barqueira e Remador" (coordinado pola poeta Yolanda Castaño), realizarase na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo no día
16 de outubro (xoves), ás 13:00 h, no Salón de Actos, unha Mesa Redonda - Recital.
O obradoiro congregará nesta ocasión a 7 poetas de recoñecido prestixio en lingua inglesa/chinesa, sueca, romanesa, letoa, éuscara, checa e galega. Todos cumpren o dobre perfil de seren poetas recoñecidos/as dentro dos seus sistemas literarios e, á vez, solventes tradutores/as literarios con obra publicada. A lingua franca ou vehicular do obradoiro será o inglés, idioma ao que estarán vertidos os textos de apoio cos que se traballará, sempre a carón dos orixinais (unha selección de ata 7 páxinas por autor/a).
Na Mesa Redonda - Recital o grupo de poetas fará unha breve reflexión sobre a selección de poemas cuxa tradución ao galego recitará despois Marilar Aleixandre.
Na Mesa Redonda - Recital o grupo de poetas fará unha breve reflexión sobre a selección de poemas cuxa tradución ao galego recitará despois Marilar Aleixandre.
Os poetas convidados/a a esta terceira edición do Obradoiro “Con barqueira e remador” son:
Kateřina Rudčenková (República Checa), Cosmin Perţa (Romanía), Catharina Gripenberg (Finlandia), Kārlis Vērdiņš (Letonia), Leire Bilbao (Euskadi), Alvin Pang (Singapur) e Marilar Aleixandre (Galicia).
Perfís biobibliográficos:
* * *
Kateřina Rudčenková naceu en 1976 en Praga. Autora de poesía, prosa e teatro, publicou catro libros de poesía: Ludwig (1999), Není nutné, abyste mě navštěvoval (Non fai falta que me visites, 2001), Popel a slast (Cinzas e gozo, 2004) e Chůze po dunách (Paseo polas dunas, 2013), polo que foi galardoada co prestixioso Magnesia Litera 2014. Do mesmo xeito, é autora do libro de relatos Noci, noci (Noites, noites, 2004) e da obra de teatro Niekur (2007), que recibiu o premio á mellor peza orixinal no certame Alfred Radok de 2006,e levouse á escena no teatro Ungelt de Praga en 2008. Só un ano antes, fóralle concedida unha residencia para dramaturgos internacionais no Royal Court Theatre de Londres, e doutra obra dramática, Čas třešňového dýmu (O tempo do fume de cereixa) fíxose unha lectura dramatizada en Nova York en 2008.
Xa en 2003 recibira o premio alemán Hubert Burda para poetas mozos de Europa do leste, e en 2011, Rudčenková fixo parte do obradoiro de tradución poética Poetisa Visegrad en Hungría. Ademais, ten participado en moitos festivais literarios internacionais, a súa poesía foi traducida a dezasete linguas, e poemarios seus viron a luz –en tradución- en Austria e Serbia.
* * *
* * *
Marilar Aleixandre naceu en Madrid e desenvolve a súa obra literaria en galego. É autora de poesía: Catálogo de velenos (1998, premio Esquío), Desmentindo a primavera (2002), Abecedario de árbores (2006) ou Mudanzas (premio Caixanova-PEN 2007); de narrativa, con títulos como Lobos nas Illas (1996), Teoría do caos (Premio Xerais, 2001) ou O coitelo en novembro (2010); e de narrativa xuvenil e infantil, con A expedición do Pacífico (premios Merlín e da Crítica, 1995), A cabeza de Medusa (Premio Caixa Galicia en 2008 e White Ravens en 2009) ou Robinson contado polas alimarias (2011). A súa obra tanto poética coma en prosa está traducida ao portugués, castelán, catalán, éuscaro e chinés, e foi recollida en antoloxías en inglés. Traduciu a poesía de Sandra Cisneros (Muller Ceiba, 1997) e Lewis Carroll (A caza do Carbairán, Lista de Honra do IBBY), ademais de obras de narrativa. Traballa como bióloga e catedrática de didáctica das ciencias na Universidade de Santiago de Compostela.
* * *
Alvin Pang, nado en Singapur en 1972, é poeta, escritor e editor. Os seus poemas foron traducidos a quince linguas e ten participado en festivais e publicacións importantes de todo o mundo. Foi bolseiro do Programa Internacional de Escritura Creativa da Universidade de Iowa en 2002. Entre os seus libros cóntanse títulos como: Testing the Silence (Sondeando o silencio) de 1997, City of Rain (A cidade da chuvia) de 2003, What Gives Us Our Names (Aquilo que nos dá os nosos nomes) de 2011 e Tumasik: Contemporary Writing from Singapore (Tumasik: escrita contemporáneas de Singapur) de 2009. Foi galardoado como “Artista Novo do Ano de Singapur” na categoría de literatura en 2005. Pouco tempo despois, en 2007, recibiu o Premio Nacional das Artes e a Cultura do seu país. Participou en representación de Singapur no Parnaso Poético que tivo lugar en Londres en 2012 como celebración paralela ás Olimpíadas. Os seus libros de poesía máis recentes viron a luz no estranxeiro: Other Things and Other Poems (Outras cousas e outros poemas), publicado en Croacia; e Waiting for the Barbarians (Agardando polos bárbaros) publicado no Reino Unido pola editorial Arc, ambos os dous do 2012.
* * *
Cosmin Perţa é un poeta e novelista romanés nacido en 1982 en Vişeu de Sus, na comarca de Maramureş. Licenciado en Letras pola Universidade ”Babeş-Bolyai” de Cluj-Napoca, completou os seus estudos de literatura na Universidade de Bucarest, cun mestrado en literatura contemporánea e unha tese de doutoramento arredor da literatura fantástica de Europa do leste. Publicou libros de poesía: Zorovavel (2002), Santinela de lut (Sentinela de arxila, 1ª ed. 2006, 2ª ed. 2010), Cântec pentru Maria (Canción de María, 2007), Bătrânul, o divină comedie (O ancián, unha divina comedia, 2009), Bocete şi Jelanii (O loito e Jelanii, 2009), Fără titlu (Sen título, 2011); novelas como Întâmplări la marginea lumii (Contos dende o bordo do mundo, 2007), Două povestiri (Dúas historias, 2010) ou Teofil și Câinele de lemn (Teófilo o can de madeira, 2012), libros de relatos como Vizita (Visita, 2013), ou ensaios como Introdución á interpretación da literatura fantástica (2011) ou o traballo monográfico Radu G. Ţeposu, o refinamento e a intuición (2012). Poemas seus ou fragmentos en prosa foron traducidos a dezasete linguas, e saíron máis de 250 recensións sobre as súas obras tanto en libros coma en prensa cultural romanesa ou internacional.
* * *
Catharina Gripenberg é unha poeta e dramaturga nacida en 1977 en Jakobstad, na costa oeste de Finlandia. Pertence á minoría finesa de fala sueca, e escribe neste idioma. Gripenberg ten publicados tres poemarios: På diabilden är huvudet proppfullt av lycka (Na diapositiva a cabeza está ateigada de felicidade, 1999), Ödemjuka belles lettres från en till en (Humildescoidadas cartas de un a un, 2002) eTa min hand, det vore underligt (Cólleme da man, sería raro, 2007), que ten como escenario a poesía da autora modernista finesa de expresión sueca Edith Södergran. Os libros de Gripenberg publícanse en Suecia e en Finlandia, tamén traducidos ao finés, e recibiron galardóns coma o premio de poesía Tanssiva Karhu da Radio Nacional Finesa. Ademais, poemarios seus viron a luz –en tradución– en Irán en 2008 e en Serbia en 2012.
Gripenberg conta cun Mestrado en Literatura pola Universidade de Helsinki, e estudou tamén escritura creativa en Noruega e cine en Dinamarca. Traduciu para o sueco ao poeta danés Per Højholt. Vive actualmente en Copenhague, traballando como editora literaria na pequena editorial Ellips, fundada en 2010 e centrada na poesía, o ensaio e mesturas interxenéricas, mentres prepara o que será o seu cuarto poemario.

Sem comentários:
Enviar um comentário